Patrimonio Relixioso

iglesia_riosA arquitectura relixiosa ten a construción máis representativa na igrexa de Santa María de Riós, rematada no 1718, con torre barroca e interesantes tallas no interior, como as de santa Ana, san Xaquín, santa Lucía e o Santo Cristo.

A rúa central do retablo presenta o sagrario en forma de baldaquino e adornado con columnas salomónicas. E mesmo enriba está a magnífica talla da Virxe da Asunción, que algúns atribúen, quizais erroneamente, ao escultor renacentista Xoán de Angés.

Entre os retablos laterais destaca o dedicado ao Cristo Crucificado, relacionado pola ben tratada anatomía e polo dramatismo, coa escola castelá de Gregorio Fernández.

Existe constancia doutro edificio parroquial máis antigo. Do enxoval deste primitivo templo consérvase un cáliz do século XVI, una fermosa cruz procesional do prateiro Isidro de Montanos, do século XVII, e unha naveta con fina filigrana plateresca. 

En Riós temos tamén un fermoso cruceiro, xunto á travesía, de tres gradas e coroado por unha cruz de pedra florenzada, semellante ao que atopamos na aldea de Progo.

FOTO 3Destaca neste templo relixioso o gran retablo barroco, realizado, segundo consta nunha inscrición no ano 1746, sendo abade o licenciado Luís Cobelas.

Son dignos de mención os fermosos gardapós, con boas tallas de anxelotes e motivos vexetais, ademais das figuras de santo Estevo e santa Tareixa, á que tiñan gran devoción os membros da casa de Alba, da que dependía esta igrexa.

Segundo o estudoso de arte Pérez Constanti, o escultor Alonso Martínez realizou en 1602 un retablo para esta parroquia, ao igual ca unha imaxe da Nosa Señora, hoxe desaparecidos.

No museo de bispado de Ourense podemos admirar unha imaxe da Virxe co Neno procedente desta parroquia. Proba da súa riqueza é a abondosa orfebrería, na que destaca unha cruz procesional, feita no 1807 polo prateiro Ortiz.

 

http://concelloderios.gal/wp-content/uploads/2014/04/FOTO-4.jpgA pequena capela dedicada a Santiago no pobo de Pedroso pertence á parroquia de Santo Estevo de Trasestrada.

Data do século XVIII no interior acolle unha curiosa imaxe en pedra do Apóstolo Santiago, de factura románica.

Atopouse nunha finca de cultivo preto da aldea, na que se cre que puido existir unha capela primitiva.

http://concelloderios.gal/wp-content/uploads/2014/04/iglesia_ribeira.jpgProba da profunda relixiosidade dos habitantes das aldeas da Ribeira, na parte sur do concello de Riós, son as numerosas capelas, entre as que destacan as de San Pedro de Mourisco e Santa Mariña de Covelas, que repiten o mesmo esquema de planta rectangular, robusta espadana e o emprego de cantaría e sillarejo.

Na Veiga do Seixo atopamos a capela dedicada a santa Ana, cunha talla que representa á santa moza, leda e con María no colo.

A pesar da humildade da capela de San Paio, temos constancia da existencia  dunha familia rica e distinguida, a dos Fernández Cortés, criados antigos e fieis do conde de Monterrei, segundo conta Pedro González de Ulloa.

A igrexa parroquial de Santa María de Castrelo de Cima é do século XVIII. O retablo, da mesma época, ten de interese a talla en madeira da patroa e unha cruz procesional do XVII.

Na parroquia de Castrelo de Abaixo venérase a imaxe da Nosa Señora dos Portais, do século XVIII, o mesmo có edificio relixioso.

 
FOTO 6É unha das fachadas máis elegantes e esveltas da comarca, debido á alta e fina espadana e á delicada decoración.

Todo o edificio foi construído por subscrición popular  e polos cartos obtidos tras a  venda de leña dos terreos comunais, moi abondosa, xa que abastecía tamén a outras vilas e  aldeas da comarca, como Verín, Monterrei e Pazos.

No interior da igrexa atopamos un retablo dedicado á Virxe das Dores e,  xunto coa representación da Paixón, ocupa toda la cabeceira.

Trátase dunha versión popular do retablo maior da igrexa parroquial de San Salvador da Xironda, no concello de Cualedro, realizado polo padre mercedario Pedro Pascual

 
FOTO 7Todo o edificio presenta un boa cantería, nunha das pedras pódese ler a data de finalización do templo parroquial: 1780. “He visto poner la primera piedra en sus cimientos, he predicado el día de la dedicación…”, segundo nos conta o historiador Pedro González de Ulloa, clérigo ao servizo do conde de Monterrei, para quen fixo un inventario dos seus bens en 1777.

Narra tamén que a construíu  á súa costa, e con algunhas esmolas, don Bernabé de Limia, aínda que foi rematada por don Bernardo Álvarez.

O construtor foi José Quintero, segundo os datos que se poden ler na airosa espadana.

Como curiosidade, don Pedro fálanos da animada romaría as Dores, que se celebrara nesta freguesía, e á que acudían romeiros de toda a bisbarra e do norte de Portugal.

 
FOTO 8Grazas á inscrición nunha táboa de madeira que se atopa na sancristía, coñecemos a data de construción: “Año de 1700. Hizo esta obra Francisco de Rosales, maestro de carpintería, siendo abad el señor Juan de Figueroa y comisario del Santo Oficio”.

A este último tamén o atopamos na aldea de Vilardevós, na inscrición dunha pedra reutilizada.

Un desgastado escudo sobre a porta principal indícanos a pertenza a unha casa nobiliaria. Máis antiga có edificio é a talla da Virxe co Neno, quizais do século XVI, coñecida como  a Virxe da O.

É unha boa imaxe, ao igual cós retablos laterais, que son da mesma época

 

FOTO 9Toda a edificación é de cantería ao exterior, con espadana de dous vans e adorno de pináculos, seguindo un modelo común na zona.

Como curiosidade, esta parroquia posúe un cáliz coa inscrición: “Pedro Pérez, vecino de Córdoba, dio este cáliz para San Pedro de Posada, año de 1745″.

O cruceiro de Progo é, xunto có de Riós, un dos dous existentes en todo o municipio.

Ten tres gradas, capitel moldurado e rematado con pedra florenzada.

Polas súas características, pode datar do século XVIII.