Os Castros

Quedan restos do asentamento de pobos celtas nos montes de Pedroso, de O Navallo e de Castrelo de Cima.

Castro de Pedroso está situado enriba da aldea de Pedroso, nun  cumio de forma tectónica e estratexicamente defendido. A ladeira sur é moi escarpada, case inaccesible, a do norte é mais suave pero conta con restos de muros de defensa. No interior aínda se poden intuír moitos restos de edificacións malia o espolio das moitas pedras que veciños das aldeas próximas empregaron para construír as súas casas.

Existe a lenda de  que certos días e a certas horas se vía bailar unha moeda de ouro nunha fonte que había no cumio e ao pé da fonte estaba unha moura que peiteaba os cabelos cun peite de ouro e que faría rico a aquel que fixese o que ela encomendara.