Quedan restos do asentamento de pobos celtas nos montes de Pedroso, do Navallo e de Castrelo de Cima.
O Castro de Pedroso está situado arriba da aldea de Pedroso, nun cume de forma tectónica e estratéxicamente defendido. A ladeira sur é moi escarpada, case inaccesible, a do norte é mais suave pero conta con restos de muros de defensa. No interior aínda se poden intuír moitos restos de edificacións a pesar do espolio das moitas pedras que veciños das aldeas próximas empregaron para construír as súas casas.
Existe a lenda de que certos días e a certas horas víase bailar unha moeda de ouro nunha fonte que había no cume e ao pé da fonte estaba unha moura que peiteaba os cabelos cun peite de ouro e que faría rico a aquel que fixese o que ela encomendara.