“A QUEIMADA” de Castrelo de Cima recupera unha tradición que sempre houbo na zona. É unha festa nocturna, que se celebra todos os 9 de setembro nunha contorna rodeada de castiñeiros. A luminosidade do augardente queimándose no pote e o recitado do esconxuro danlle a esta cerimonia un aire máxico.
Trátase dunha festa na que participan todas as xentes da aldea, á que acode xente de toda a comarca e mesmo do veciño Portugal.
Desde os seus comezos, alá polo ano 1975, a festa dedícase a un tema ou motivo distinto en cada edición: ás antigas lareiras, ás tabernas do pobo, á vendima, aos viquingos, ao mundo medieval.
A xente da aldea é a que prepara todos os actos que se celebran na noite da queimada. Esta festa fai que emigrantes e residentes da aldea xúntense neses días.
A Queimada faise co augardente da zona, de moita fama e calidade. Toda persoa que acuda a Castrelo de Cima esa noite será convidado gratuitamente a tomar queimada e bica.
A máscara do Vellarrón, que se está recuperando polo concello e asociacións culturais, representa unha cara humana, cunhas orellas rogadas, barba e bigote feitos con la de ovella negra. A coroa está feita con vimbia e papeis (Veiga do Seixo) ou tiras de tea (Castrelo de Cima) de cores. A vestimenta complétase cunha camisa de felpa cun triangulo investido e adornada cunha especie de escarapelas ou fror de tea da que colgan fitas de cores; o pantalón vai adornado con #floco de cores, na cintura un pano e un cinto de esquilas. Nas pernas: polainas de coiro.
Non hai moito tempo que estas máscaras saían en grupo a pedir diñeiro ou máis ben viandas coas que facer daquela un xantar para o grupo. Acompañando aos vellarróns ían outros personaxes como a Madama, muller engalanada con roupas elegantes e o Farrangón, home disfrazado con roupas vellas e coa cara tapada, que era o encargado de recoller os aguinaldos que daban os veciños.
VELLARRONO vellarrón, á vez que facía soar as esquilas que levaba na cintura, ía batendo cun “farrapo” similar a un golpeo, a cantos atopaba polas rúas ao seu paso. A xente dicíalle: Vello, vello, vellarrón, mete o diñeiro no bolsón!, para que gardara o diñeiro que algúns lle daban.
Segundo conta Xosé Rguez. Cruz, investigador das tradicións e costumes do sueste ourensán, (Trazos sobre a vestimenta tradicional no Sueste Ourensán, Ed. Deputación de Ourense, 2004)
Outro dos costumes do entroido en Castrelo de Cima eran as visitas e os bailes das bolboretas.
Ataviados con panos, colchas ou calquera roupa vella, as chamadas bolboretas ían de casa en casa, entrando nelas onde bailaban no medio de bromas e volvían saír para continuar co seu baile na rúa e logo noutra casa, así ata recorrer toda a aldea.
A castaña é o froito do castiñeiro, árbore da familia das fagáceas e de nome científico Castanea Sátiva. Ao longo da historia constituíu un dos alimentos máis antigos da humanidade.
Hai quen pensa que o castiñeiro foi introducido en Galicia polos romanos, con todo, a hipótese máis aceptada hoxe, en base a estudos palinolóxicos, é que se trata dunha froita autóctona, nas formas bravas e silvestres, xa que ao pé dos castros celtas xa había castiñeiros, e que os romanos foron os que difundiron e introduciron novas variedades de castaña selecta.
A maior parte das castañas que se collían nos soutos galegos botábanse nos hórreos das cociñas, para secalas. Todas as lareiras galegas tiñan encima delas un hórreo; o teito da cociña estaba formado por travesas de madeira separadas entre elas medio centímetro, deixando espazo suficiente para que puidese subir a calor e o fume, sen que caesen as castañas. As castañas secas son duras. O seu sabor, coma se fose un caramelo, é doce e exquisito.
Estas castañas secas, que se conservaban sen problema durante varios meses, cocíanse, coma se fosen patacas, constituían un dos alimentos básicos.
Xa desde o século XVI coa chegada das patacas e do millo que proviñan de América, deixaron de ser un dos alimentos básicos para converterse nun máis.
A castaña consómese asada, cocida con leite, en auga, no caldo ou acompañando a certas carnes. Actualmente, é cada vez maior a presenza da castaña en pratos elaborados con carnes de caza e en doces de alta cociña, destacando o “marrón glacé”
Riós forma parte da comarca produtora de castaña de Conso- Frieiras, cunha produción anual que rolda as 2.000 toneladas. Dada a calidade e calibre das castañas da comarca son demandas de todas as partes do mundo.
As variedades máis comúns no Riós son:
Famosa,
Longal,
Vermella
e a Piñeira,
sendo as variedades de Famosa e Longal as máis abundantes e a Piñeira, a primeira en dar froito.
A castaña posúe propiedades tónico-vasculares, reconstituyentes e tamén antiinflamatorias, polo que son beneficiosas para a memoria, e moi indicadas en casos de desgaste físico, depresións, problemas de próstata, varices, e hemorraxias.
En Riós vense celebrando desde hai 11 anos a festa da castaña e do cogumelo co obxectivo de enxalzar estes dous produtos típicos do outono e da zona.
Durante dous días da primeira fin de semana do mes de novembro celébranse actividades de tipo cultural e gastronómico; charlas informativas sobre os castiñeiros, concurso gastronómico da castaña e do cogomelo, concurso fotográfico e casetas expositivas con produtos artesáns da zona, embutidos, carne ecolóxica,…
A festa finaliza cunha comida-degustación popular, que o concello organiza destes dous produtos, que ano a ano conta con gran asistencia de comensais, tanto dos veciños do concello como de foráneos.